Aclaracións do C.S.O. A Insumisa sobre a campaña de intoxicación mediática

Ola Coruña! Somos @s okupas; a asemblea que xestiona o “Centro Social Okupado A Insumisa” da rúa Metrosidero. Vémonos na obriga de sacar este novo comunicado ante a maliciosa campaña de intoxicación mediática lanzada na nosa contra polo xornal “La Voz de Galicia”. Somos conscientes de que este tendencioso medio de orientación conservadora carga contra nós, entre outras cousas, para usarnos como ariete contra o actual goberno municipal de “Marea Atlántica”. A nós as súas conspiracións palaciegas para derrubar o actual concello e aupar de novo ao P.P. ao poder tráennos sen coidado, pero como as manipulacións e terxiversacións contra a nosa okupa chegaron ao extremo das mentiras descaradas, non nos queda outra que facer as seguintes aclaracións:

1ª- Nós non temos nada que ver con “Marea Atlántica”, nin con ningún outro partido político, sindicato, ou grupo de poder centralizado. Somos autónom@s e autoxestionari@s, o noso único órgano de decisión é unha asemblea aberta e participativa (á que, por certo, tod@s estades convidad@s) desde a que se toman todas as decisións do Centro Social. Ademais lembrámosvos que desde o movemento okupa xa abrimos Centros Sociais nesta cidade cando gobernou o P.S.O.E., cando gobernou o P.P., agora con “Marea Atlántica” e abrirémolos mañá goberne quen goberne. Non nos importa quen sexa o alcalde, nós seguiremos loitando pola autoxestión, a liberdade e a xustiza social, abrindo dez, cen… mil Centros Sociais!

2ª- O concello NUNCA fixo obras para mellorar a nosa seguridade, como tampouco nos facilitou ningunha axuda económica ou material. Nin nola deu nin a queremos, nós so@s bastámonos para autoxestionar e dinamizar este espazo con total independencia e autonomía. O que fixo o concello foi demoler unha ruína que xa tiña orde de derriba antes da nosa okupación, porque dela desprendíanse cascotes sobre a rúa Veiramar. Esa ruína atopábase nun espazo que nós NON usabamos, polo que non nos importaba en absoluto se a tiraban ou a deixaban estar. A única razón pola que accedemos a que o concello acometese esa obra é porque esa ruína representaba un risco manifesto para os viandantes FORA DA OKUPA. Negarnos á realización desa obra sería unha neglixencia criminal pola nosa banda e unha absoluta irresponsabilidade cara a toda a cidadanía da urbe.

3ª- No noso Centro Social nin vive ninguén de forma permanente nin ninguén saca cartos nin beneficio económico algún. Toda a nosa actividade é SEN ÁNIMO DE LUCRO, e todo o traballo que aquí se realiza é de forma 100% voluntaria. A única recompensa que sacamos é a do traballo ben feito e a de gozar da cultura, o lecer , o deporte e a política anticapitalista e asemblearia que de forma gratuíta e autoxestionada aquí desenvolvemos. Calquera diñeiro recadado nas actividades que aquí facemos invístese integramente nas melloras das instalacións, en causas solidarias ou se garda para sufragar os gastos económicos derivados das máis que seguras sancións penais.

4ª- A sala de usos múltiples onde se realizan os concertos NON corre ningún risco de derriba. Nin tampouco ningún dos lugares que acondicionamos para uso público. As obras nos tabiques foron realizadas con toda garantía por persoal competente e supervisadas por técnic@s titulad@s. Porque aínda que lle custe crelo a máis dun amante do tópico barato, moitas das persoas que damos vida a este espazo somos competentes profesionais nunha ampla gama de oficios (mesmo con traballo estable a pesar de frecuentar unha okupa!) como arquitectos, albaneis, carpinteiros… e un sen número doutras respectables profesións que contribuen co seu granito de area a facer deste un espazo cómodo, seguro e aberto á cidadanía.

5ª- Tamén queremos remarcar que, ademais do interese político localista que move os infundios xornalísticos verquidos na nosa contra, hai outra perigosa razón detrás da campaña mediática de criminalización da okupación. E é que se está preparando unha batería de lexislacións represivas en contra das okupas e en favor dos bancos e fondos privados de investimento que controlan máis do 85% da vivenda deshabitada do estado español. Usando o fenómeno das mafias (moi minoritario e practicamente anecdótico) para criminalizar a un sector da poboación que, afogados pola crise e a recesión provocada por eses mesmos bancos que agora son propietarios da maior parte das vivendas baleiras, non tiveron máis remedio que okupar vivendas para poder vivir. Agora a prensa burguesa, que sempre achanda o camiño creando o clima adecuado para a represión, criminaliza @s desposuíd@s en favor d@s poderos@s. Salvagardando o sacrosanto dereito á propiedade privada dos bancos, @s grandes propietari@s e os “fondos buitre” fronte ao menosprezado dereito a unha vivenda digna d@s pobres, @s fament@s e @s desafiuzad@s.

6ª- Por último é interesante lembrar que “quen paga manda”. E non podemos esquecer que o Partido Popular de Feijoo asegurou a fidelidade de “La voz de Galicia”, xusto antes da campaña electoral, mediante a duvidosa adxudicación de 718.000 euros en subvencións… por promocionar o galego!!! Como o oídes, repartíronse un millón de euros co Faro de Vigo en promoción dun idioma que non falan, mentres os medios integramente en galego apenas viron un peso (líneas editoriais menos afíns, quizais?). Así aseguraron os conservadores a afinidade de “La Voz de Galicia” á súa liña editorial, afinidade doutra banda xa manifesta desde hai tempo, pero agora moito máis descarada, evidente e inmoral. Quen morde a man que lle dá de comer?

Nos, pola nosa banda, seguiremos loitando xunto coas inumerables persoas e colectivos sociais que nos apoian, defenden e utilizan o noso espazo parar facer deste un mundo mellor.

Con cariño, rebeldía e moitísima ilusión, @s túas veciñ@s @s okupas!!!

ainsumisa.wordpress.com

es-es.facebook.com/ainsumisa/

One thought on “Aclaracións do C.S.O. A Insumisa sobre a campaña de intoxicación mediática

Deixa un comentario