Comunicado de Xaneiro do C.S.O. A Insumisa

As nos@s veciñ@s da cidade da Coruña e a quen  poida interesar:

Ola! Somos @s okupas da antiga Comandancia de Obras, agora “Centro Social Okupado a Insumisa”. Hai máis dun mes que, armad@s cos nosos soños e ilusións, asaltamos un espazo triste, baleiro e gris, do que só sacaban proveito as ratas e as gaivotas, para transformalo nun Centro Social aberto e asembleario, nun punto de encontro para os movementos sociais da cidade, nun laboratorio cultural, social e ideolóxico que permita ás persoas e colectivos autoorganizados  desenvolver iniciativas á marxe da autoridade, o consumismo e a tiranía do diñeiro. Hai máis dun mes que, provist@s  unicamente do desexo e a certeza de que entre tod@s podemos facer deste un mundo mellor, comezamos a restauración paulatina destas instalacións para que ti ou calquera poida gozar delas libremente.

Ninguén nos manda nin ninguén nos dirixe. Non aceptamos máis autoridade que a da asemblea que todos os martes a partir das oito celebramos e á que ti tamén estás convidad@. Iso si, deixa na casa calquera actitude sexista, homófoba, racista, especista, xerárquica ou autoritaria que poidas ter, posto que iso aquí non nos interesa.

A pesar de que isto poida sorprender a máis dunh@, nós, como Centro Social, NON temos adscrición política algunha. Non estamos vencellad@s a ningún partido, nin sindicato, nin relixión, nin ningunha outra clase de organización xerarquizada. Somos libres e autónom@s, non queremos axudas, nin subvencións, nin permisos, nin ningunha outra clase de relación que nos vincule co poder institucionalizado. Lembramos a aquel@s que, dunha ou outra cor, interesadamente pretenden esquecer este feito, que nesta cidade xa houbo okupas cando gobernou o P.S.O.E.,  hóuboas cando gobernou o P.P., hainas agora e haberaas no futuro, goberne quen goberne. Nunca pedimos permiso e non imos empezar a facelo agora. E sexa quen sexa @ que pretenda botarnos atoparanos de fronte e nas rúas.

Este é un espazo aberto, calquera pode entrar, pero a súa intención de voto debe quedar na porta posto que neste lugar non nos interesa. Aquí a política faise sen delegados nin representantes, día a día, con traballo voluntario, entre tod@s, sen xef@s  e coas nosas propias mans.

Do mesmo xeito aquí rexeitamos as hexemónicas dinámicas do capitalismo e a súa lóxica do continuo beneficio e do “todo se fai por cartos”. Aquí o traballo realizase de forma desinteresada, co único obxectivo de abrir este espazo á cultura libre e asemblearia, para enchelo con mil iniciativas que enriquezan as nosas vidas e as de quen queira vir gozalas connosco. Moi ao contrario do que algúns denuncian por aí, o escaso diñeiro que poidan xerar as nosas actividades empregarémolo en sufragar os cuantiosos gastos de acondicionamento do espazo, en nutrir a caixa de resistencia que fará fronte aos máis que posibles problemas legais e en desenvolver novos proxectos que dinamicen o Centro Social: unha rampla de skate, un ximnasio libre, locais de ensaio gratuítos para os grupos da cidade, hortas ecolóxicas que abastezan os nosos comedores populares, unha sala de usos múltiples para concertos, proxeccións, charlas e teatro… E o que ti queiras, só tes que vir, propoñelo, consensualo e poñerte ao choio.

Porque entre tod@s podemos facer deste un mundo mellor, máis xusto, solidario e respectuoso coa natureza. E este podería ser un dos espazos para ir comezando. Así que anímate e vente connosco a cambiar o mundo.

Con cariño, rebeldía e moitísima ilusión, @s tu@s veciñ@s @s okupas.

Deixa un comentario