Sobre as denuncias dos hosteleiros e outros ataques ao Centro Social Okupado “A Insumisa”:

Aclaracións varias da asamblea do Centro Social Okupado “A Insumisa”:

 Facemos estas declaración ao fío das recentes denuncias contra a nosa okupación e as súas actividades. Denuncias orquestradas con finalidade política e que usan como altofalante a Hector Cañete, destacado militante do P.P. e presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros, presuntamente pringado ata o tuétano en escándalos de corrupción (operación Z) que sacaron á luz a súa conexión directa coa anterior alcaldía e as súas turbias e presuntamente fraudulentas adxudicacións de fondos públicos. Evidentemente esta clase de xente nunca poderá entender a nosa forma de proceder, posto que non conciben motivación algunha máis aló do afán de lucro e a sede de poder. Pero a nós as súas escuras conspiracións palaciegas non nos interesan e estariámoslles moi agradecidos se se abstivesen de utilizar o noso Centro Social nas súas sucias estrataxemas para reconquistar o poder municipal.

No noso Centro Social ninguén saca ningún tipo de beneficio económico. Aquí o traballo é voluntario e gratuíto e calquera tipo de beneficio que as nosas actividades puidesen xerar sería empregado con fins solidarios ou para a propia autoorganización das actividades que realizamos (xa sexa nas obras e acondicionamento do espazo ou na caixa de resistencia para posibles sancións penais como as que agora mesmo o señor Cañete pretende obsequiarnos).

 Tamén nos gustaría desmentir algunhas noticias que, probablemente coa mesma finalidade antes descrita, terxiversaron a realidade sobre as obras realizadas polo concello na finca que agora okupamos. Moi ao contrario do que se dixo, en ningún momento “o consistorio encargou a unha construtora acometer actuacións menores nos terreos para evitar riscos para as persoas que alí se atopan”. O que sucedeu foi que se permitiu a entrada de traballadores para derrubar un edificio que non estabamos a usar para nada e que fora declarado ruinoso antes da nosa entrada no espazo. Ese edificio xa tiña programada a súa demolición moito antes de que nós okupásemos a finca, posto que tiña risco de derrubarse sobre a beirarrúa da rúa Veramar, onde aínda a día de hoxe atópanse colocados valos de obra para evitar a caída de cascotes sobre @s transeúntes.

Que nós, como okupas, permitísemos única e exclusivamente a derriba dun edificio ruinoso en beneficio da seguridade d@s nos@s veciñ@s e de tod@s @s habitantes da Coruña non significa en absoluto que esteamos en tratos co concello nin que nos estean axudando no máis mínimo. Só trátase dunha medida de civismo elemental e de lóxica de Perogrullo, negarnos a ela implicaría pola nosa banda unha neglixencia criminal que bordearía a psicopatología.

Polo demais nós somos absolutamente autónom@s e independentes para acometer todas as obras de acondicionamento do noso Centro Social e para a realización das súas actividades. Nós non temos nin queremos inxerencias institucionais de ningún tipo. Cremos, ademais, que o feito de que desde algúns medios suxírase o contrario responde exclusivamente a unha finalidade política coa que facer palanca en contra do actual goberno municipal e, de paso e sen ter nada que ver, contra aquel@s que poñemos en cuestión os sacrosantos valores do capitalismo, a autoridade e a propiedade privada. Por iso repetimos unha vez máis que nesta cidade xa se okupóu co P.S.O.E., co P.P., agora coa Marea e mañá con quen sexa que pretenda gobernarnos. E fixémolo, facémolo e farémolo de forma libre, autónoma, independente e asemblearia.

Con cariño, rebeldía e moitísima ilusión, @s tu@s veciñ@s @s okupas.

Deixa un comentario